Friday 17 de May de 2024

A Xunta inviste 57.000 euros en Ares e As Pontes en actuacións de mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público


O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que a Consellería de Política Social o importante esforzo da Xunta de Galicia en accións para contar cunha accesibilidade universal

A Consellería de Política Social investirá 57.000 euros nas obras de instalación dun ascensor no Pavillón de Deportes de Ares e na mellora da accesibilidade a edificios municipais en As Pontes de García Rodríguez ao abeiro da orde de axudas destinadas á mellora da accesibilidade no CEIP A Fraga, Casa do Peso e Cine Alovi. Na provincia da Coruña da Coruña realizaranse obras en dez concellos cunha axuda total para os mesmos de 393.402 que permitirán unha inversión total de 562.000 euros.

Esta orde de axudas vai dirixida aos concellos galegos para a mellora ou adaptación de infraestruturas e/ou dotación de equipamento nos espazos públicos e edificios destinados á prestación de servizos co fin de garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación.

O delegado territorial destacou que “a Consellería de Política Social está facendo un intenso traballo en materia de atención a persoas con discapacidade, así como as relativas ao desenvolvemento de accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade universal para toda a cidadanía”.

Para o financiamento desta convocatoria destinouse un crédito este ano 2018 de 837.000 euros, financiados con fondos Feder no programa operativo de Galicia 2014/2020 nunha porcentaxe do 80% , e encádrase no obxectivo de promover a inclusión social, loitar contra a pobreza en contra de calquera forma de discriminación.

A contía máxima de subvención por entidade beneficiaria será dun 70% do orzamento total, cun máximo de 60.000 euros.

A orde mediante a cal se subvencionaron estes proxectos, enmárcase na Estratexia Galega sobre discapacidade 2015-2020. A Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, dirixe os seus esforzos cara os aspectos considerados clave para avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa inclusión social. Este documento é o resultado dun proceso en que participaron as principais entidades sociais e profesionais neste eido e constitúe a folla de ruta que está a aplicar a Xunta nos vindeiros anos para promover que as persoas con discapacidade poidan gozar dunha vida autónoma e independente.

Para acadar este obxectivo, a estratexia susténtase nunha serie de liñas transversais con vocación de impregnar o conxunto de actuacións que se desenvolven ao seu abeiro e que son a accesibilidade; a participación; a investigación, a innovación e a calidade; e a igualdade de xénero.